Monday 06 de May de 2024

O Concello de Muxía inicia os traballos para a elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES)


Supón o compromiso por parte do Concello de Muxía de reducir as emisións de CO2 no seu territorio nun 40%.

O Concello de Muxía inicia os traballos para a elaboración do PACES tras as sinatura do Pacto das Alcaldías polo Clima. Isto supuxo o compromiso por parte do Concello de Muxía de reducir as emisións de CO2 (e, posiblemente, outras emisións de gases de efecto invernadoiro) no seu territorio nun 40% como mínimo de aquí a 2030, en particular a través da mellora da eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables ademais de aumentar a resiliencia mediante as adaptacións ás repercusións do cambio climático.
No día de hoxe, o alcalde, Santiago Toba Campaña reuniuse coa empresa coordinadora dos traballos e co persoal técnico do Concello para concretar os detalles iniciais da elaboración desta ferramenta que servirá para planificar e adoptar medidas que apoien a loita contra o cambio climático desde a perspectiva local. O alcalde salientou que “con este tipo de accións que estamos a desenvolver pretendemos facer de Muxía un concello que esté totalmente ao día coas responsabilidades medioambientais que se requiren”.
Os primeiros pasos consistirán na elaboración dun Inventario de emisións de referencia de CO2 que cuantifique as emisións deste gas debidas ao consumo de enerxía no territorio, para posteriormente realizar unha Avaliación de riscos e vulnerabilidades climáticas.

Estes traballos están subvencionados pola Xunta de Galicia e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).